Moitos de vós seguramente nos coñezades das redes sociais (facebook, instagram, Twitter) e por aí imos seguir camiñando, pero hoxe comezamos unha nova aventura a través deste medio, que pensamos nos vai servir para darvos información máis detallada sobre os proxectos que imos desenvolvendo.
Este vai ser o cauce para escribir un pouco máis polo miúdo sobre os proxectos de escavación de diferentes sitios arqueolóxicos, sobre as postas en valor, sinalización de novos roteiros en torno ó patrimonio cultural e natural, sobre os proxectos de didáctica e educación patrimonial, e, ó final, sobre unha ampla temática que teña que ver coa arqueoloxía e co patrimonio entendidos nun sentido amplo.
A piques de cumprir os tres anos dende a nosa constitución estamos moi contentos co paso que decidimos dar ó formar este proxecto cooperativo, coa xente que fomos coñecendo, cos lugares onde traballamos, e por iso nos gustaría facervos partícipes destas cousas dun xeito sinxelo e didáctico, máis inmediato e ameno que as memorias e proxectos técnicos, pero tamén un pouco máis longo e detallado do que permite un post de redes sociais.
Pensamos que esta vía nos vai dar liberdade para explicarvos en detalle en que consiste o noso traballo, o noso día a día e os marabillosos lugares onde intervimos. E é por iso polo que nos lanzamos por aquí, agardando que sexa do voso interese.
Así que, sen máis, benvidos a este espazo. Saúdos!
Comentarios recentes